VISITA DE LEDICIA COSTAS




Hoxe tivemos unha visita especial no centro; Ledicia Costas veunos falar de dous dos seus libros: Unha estrela no vento e O corazón de Xúpiter, lidos respectivamente polo alumnado de 2º e 3º ESO.
Os e as integrantes do club de lectura fixeron unha bonita presentación e, a seguir, a autora explicounos todo aquilo que quixemos saber sobre ela, a súa profesión, os seus gustos e, sobre todo, os libros que lemos.
Aquí tedes as fotos.















24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA







Con gran acollida foi recibida a actividade que o EDL e a Biblioteca deseñaron para conmemorar o nacemento da máis ilustre escritora do século XIX. O día de Rosalía comezou o venres pasado no IES As Bizocas e rematou hoxe, luns, cunha boa participación por parte de toda a comunidade educativa.







Imitando a Carlos Negro e a súa fantástica idea
de repartir polos bares do concello de Ames
versos de Rosalía en anos anteriores, decidimos que o alumnado do club de lectura entregase tamén anacos da obra rosaliana durante o recreo do venres 23 ao profesorado, o alumnado e o persoal non docente. Todos e todas tivemos que gardar a nosa tarxeta e memorizala durante a fin de semana para, á fin, facer un sorteo entre todos os versos. 




Así pois, durante o segundo recreo saíu unha papeleta, a de Paula de 4º B, que recitou o seu poema perfectamente e tamén entregou a súa papeleta, polo que recibiu un bonito agasallo: unha cunca coa cara de Rosalía e uns versos da nosa autora. Parabéns para Paula e a para todos e todas os que recibistes a actividade con tanto entusiasmo.









181 ANOS E SEGUE VIVA ENTRE AS GALEGAS E OS GALEGOS

Van alá, pois, 181 anos dende que naceu Rosalía de Castro e, aínda hoxe, segue sendo obxecto de homenaxes e recoñecementos. Aí van un par de vídeos da gran SES que se acordou dela no Teatro Colón e un rap feito polo alumnado do IES Francisco Daviña Rey. Gozade deles, son unha ledicia.







CHÍOS DE AMOR / TWEETS OF LOVE






Acaba de pasar a Candelaria, o día no que casan os paxariños (se queredes saber sobre esta data, buscade no taboleiro da lingua, alí tedes moita información) e estamos achegándonos á data do amor, o xa sobradamente coñecido San Valentín. Para celebralo, queremos pois, dende o EDL e o Departamento de Inglés, convidar a toda a Secundaria a realizar chíos de amor ou tweets of love.
Trátase dunha actividade na que pretendemos que fagades pequenas mensaxes que non superen os 140 caracteres e nas que transmitades sentimentos de amor usando a nosa lingua. As mensaxes poden xirar ao redor do sentimento do amor, do amor pola paisaxe galega, do amor pola nosa lingua, polos nosos familiares, do amor pola humanidade, polo noso noivo ou noiva… En definitiva, tedes liberdade absoluta para as vosas creacións, sempre e cando o amor estea de fondo nas composicións e que as linguas que empreguedes sexan a inglesa ou a galega.
            Iso si, os resultados deberedes publicalos neste mesmo Blog no apartado de comentarios. Non esquezades poñer o voso nome e o curso, así todos e todas saberemos identificar ao autor/a das esperadas mensaxes. Para non pasarvos en número de caracteres, debedes ir ao menú, apartado de “Revisar” e alí xa atoparedes unha opción que vos di “Contar Palabras”. Para terdes máis marxe, ímosvos permitir que contedes os vosos caracteres sen espazos.
            Ánimo, esperamos os vosos chíos amorosos. A mensaxe máis fermosa recibirá un pequeno agasallo.

ENTROIDO 2018





Chega un ano máis o entroido, días nos que, segundo Vicente Risco, "está permitido o que non está o resto do ano, en que se poden facer cousas que noutro tempo parecerían moi mal [...], o entroido presenta certo aspecto do "mundo ao revés". 

Por esta razón, dende o EDL queremos animar a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado, conserxes, administrativa...) a que cada día da semana vaiamos traendo aquel accesorio que o meco situado no corredor nos irá indicando.

O noso particular "RAÑOLIX" será o encargado de dicirnos que adorno carnavalesco deberemos ir traendo. O primeiro aparecerá o venres 2 de febreiro e así cada día ata chegar ao seguinte venres no que gozaremos coas comparsas feitas polo alumnado.

Ah!!! E non esquezades que os complementos son acumulativos, ata o xoves debedes traelos todos e non deixar nadiña na casa.

Para que poidades ir organizándovos, aí vos van as indicacións para toda a semana.

O luns, aínda que de tolos che pareza,
trae un adorno na cabeza.

O martes, se queres vir de bo humor,
trae un calcetín de cada cor.

O mércores, para non te manchar,
un mandil has de empregar.

O xoves, se non queres traer pixama,
entra con algo que empregues na cama.

O venres con festa rematamos
e todos moi guapos nos disfrazamos.

OUTRO CALENDARIO MÁIS

A Fundación Manuel  María vén de sacar un calendario dixital con ilustracións de Leandro Lamas. Con el quere conmemorar os 50 anos de publicación do poemario Os soños na gaiola do autor que dá nome á fundación. Esta obra de Manuel María inaugurou a poesía en galego para a xente nova.

Abaixo podes visualizalo, pero se queres descargalo, clica AQUÍ 



SNACK ATTACK



Vede e comentade, facede uso da lingua para opinar sobre este vídeo no que non temos uso da vertente oral. Os de 4º ESO debedes dedicarlle un anaco e, despois de miralo con calma, tedes que comentar as vosas impresións. Que vos parece? Esperabades un final así? Credes que existen esteorotipos á hora de atribuír un determinado comportamento aos máis novos? En fin, que podedes opinar, o que queirades, toda suxestión será benvida, pero recordade facelo coherentemente, tentade cohesionar o voso disurso con xeito e, dende logo, empregade o menor número de erros posibles. Para rematar vouvos recordar algo obvio, usade a NOSA LINGUA.





CON AZOS RENOVADOS, COMEZAMOS A TRABALLAR.

Chegou un novo ano e xa temos tamén novo calendario. A Universidade de Vigo volveunos agasallar cun almanaque titulado de igual xeito que o ano anterior: Na universidade en galego. Sen prexuízos, mais desta vez o ilustrador é Kiko da Silva. 
Con viñetas que convidan a superar os prexuízos que xiran ao redor da nosa lingua, deixámosvos o ENLACE para que o descarguedes e velaquí tedes tamén unha rápida visión del.

De todos xeitos, todos os meses teremos colgado no noso Taboleiro da Lingua a folla correspondente.

Benvidos a todos e todas e feliz 2018.


MICRORRELATOS 2017

A teor da conmemoración do 25 N, a bilioteca convocou un concurso de acrósticos, do que xa sabedes os resultados (ide AQUÍ para recordar). Pois agora imos ler algúns máis dos que o alumnado de 3º e 4º realizou dende distintas perspectivas e tendo sempre presente o tema do que estabamos a tratar. Deberiades lelos e xulgar vós mesmos/as. Logo podedes opinar, esperamos os vosos comentarios. 

Grazas a todas e todos pola vosa participación e polo voso esforzo á hora de tratar un tema tan delicado. Clicade no libro e verédelo mellor.



25 N, CELEBRÉMOLO COMO MULLERES.

Achégase unha data importante para toda a sociedade que, se ben o pensamos, non debería nin existir; mais non podemos escapar a unha realidade triste e negra que cada semana nos recorda que debemos loitar contra a violencia de xénero todos os días do ano. Como non esquecemos que unha sociedade igualitaria, que procure a liberdade, a integridade e a dignidade das mulleres é o fin cara ao que debemos camiñar, propómosvos que vexades o seguinte vídeo. Nel atoparedes unha mensaxe esperanzadora que é o que precisamos nos tempos que corren. É un vídeoclip do grupo MBCP (máis boas cás patacas) que gañou o primeiro premio na categoría xuvenil do II Certame de música infantil e xuvenil "Quero cantar" da Deputación d'a Coruña.