Evitamos prexuízos. Saída a Compostela do alumnado de 4º de ESO.
O 23 de xaneiro o alumnado de 4º de ESO desenvolveu a actividade "Evitamos prexuízos", organizada pola EDNL e relacionada co
Plan de Igualdade do IES As Bizocas. O día 21 fora a quenda de 3º de ESO.
A actividade consistiu nunha excursión a Compostela, onde pola mañá asistimos ao filme Todas as mulleres que eu coñezo e á obra de teatro Vida de cans da compañía Talía Teatro. Para alén disto, visitamos os espazos da
cidade e, xa pola tarde, foi a quenda de acudirmos á exposición Galicia un relato no mundo no monte Gaiás.
Deixámosvos un resumo fotográfico da xornada:
![]() |
| Reconstrución dun frisio dun templo da Península de Anatolia onde se recolle unha das primeiras mencións á Gallaecia (en grego). |
![]() |
| "A Santa", escultura do cambadés Francisco Asorey, membro das Irmandades da Fala. A escultura xerou impacto e polémica no seu momento e representa a muller traballadora rural. |
Evitamos prexuízos. Saída a Compostela do alumnado de 3º de ESO.
No día de hoxe, 21 de xaneiro, o alumnado de 3º de ESO desenvolveu a actividade "Evitamos prexuízos", organizada pola EDNL e relacionada co Plan de Igualdade do IES As Bizocas. A quinta feira será a quenda de 4º de ESO.
A actividade consistiu nunha excursión a Compostela, onde pola mañá asistimos ao filme Todas as mulleres que eu coñezo e á obra de teatro Bicos con lingua da compañía Talía Teatro. Para alén disto, visitamos os espazos da cidade e, xa pola tarde, foi a quenda de acudirmos á exposición Galicia un relato no mundo no monte Gaiás.
Deixámosvos un resumo fotográfico da xornada:
Galeguiza-T. Nova antoloxía da música galega contemporánea

Hai uns días vía a luz nas redes a Nova antoloxía da música galega contemporánea, impulsada polo colectivo Galeguíza-T, un grupo de de estudantes do IES Neira Vilas de Oleiros. O coordinador do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, Alberto Pombo, cóntanos aquí como naceu este proxecto que está a revolucionar as redes.
Esta antoloxía pretende funcionar “como un canon vivo”, explica Pombo, “reunindo o maior número de bandas posíbeis en activo”: Ezetaerre, Malandrómeda, Caxade, Boyanka Kostova, Skacha, Medomedá, O Sonoro Maxín, Xabier Díaz, Festicultores, Rebeliom do Inframundo...
O obxectivo da playlist é facilitar o acceso á diversidade de xéneros da nosa música, servindo de punto de partida para que cada persoa poida descubrir e explorar o que máis lle atraia:
https://open.spotify.com/playlist/4IpTHAJz0ZIomYjIOviWWL
Se o prefires tamén fixemos unha listaxe no Youtube, que incorpora algúns temas e bandas máis:
https://www.youtube.com/playlist?list=PL7hecCx3Es7R3IgkW7g3NwBoQ1-O9NkWG
Se es megalóman@ xa podes darlle unha voltiña e ouvir un feixe de bandas na nosa lingua.
O apalpador visitou as Bizocas
O pasado día 5 de decembro o apalpador Brais Moure partillou unha xornada de saber popular e fantasía no IES As Bizocas co alumnado de 1º e 2º de ESO.
Proxectouse un vídeo de 9 minutos sobre os fondos mariños da illa de Ons e tamén sobre o río Lor. Porén,
sobre todo, foi unha viaxe iniciática con bullós, landras e castañas
amosegadas. Desde as fragas, os soutos e as devesas das montañas do
Apalpador até o mar das selkies e as sereas, sen esquecérmonos dos
ríos dos batuxos e das xacias.
E como se achega as ferias de Nadal, deixamos algunha mostra do refraneiro tradicional galego para o Nadal:
- A castaña no Nadal, sabe ben e parte mal.
- Cando Nadal nada, sinal de boa anada.
- Aí vén o mes de Nadal, que non deixe o millo sen apañar.
- Deus nacido, días crecidos.
- Entre Santos e Nadal fai inverno carnal.
- Frío por Nadal, calor desde san Xoán.
- Nadal mollado e xaneiro ben xeado.
- Nin en agosto camiñar, nin en decembro navegar.
- No mes de Nadal gárdate a carón do lar.
- No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.
- No Nadal, inverno a fartar.
- Os allos en Nadal, nin nados nin por sementar.
- Por Nadal, cada ovella ao seu curral.
- Mentres Deus non é nacido nada é crecido.
- Santa Lucía saca da noite e mete no día.
Contos de Samaín
Esta semana, nos recreos, alumnado e profesorado, lemos relatos de diversos autores da literatura galega ligados ao medo e ao misterio.
O Club de Lectura Mareira ambientou con profusión a nosa biblio e fíxoa un pouco máis agarimosa e orixinal.
Grazas a todos os que participastes e que teñades unha ponte chea de castañas e ledicia. Non esquezades darlle á lingua!
Benvidas ao curso 2019-2020: comezamos cos Desafíos matemáticos!
Curso
novo, vida nova, ou iso din, aínda que nin todo o novo é bo nin o vello tan malo. Por iso, comezamos a nosa andaina como en anteriores cursos, dándolle continuidade ao taboleiro da lingua,
sito na entrada principal, ao lado da conserxaría. Será o noso espazo
físico para pór novidades, novas de interese ligadas á lingua,
información de certames e concursos literarios...
Neste comezo de curso temos xa dúas iniciativas en marcha: os Desafíos matemáticos e o Concurso de Samaín. Animádevos e participade!
Que que é o Equipo de Dinamización da Lingua (EDL)? Un feixe de alumnado e profesorado, que ten como principal obxectivo o fomento do uso da nosa lingua e da nosa vida cultural. Para iso organizamos actividades, saídas extraescolares e todo o que se nos pase pola cabeza, que non para e moito nos traballa... Porque en galego estamos no mundo!
Foi moito o alumnado que, de todos os cursos, se anotou para configurar o EDL deste curso 2019-2020. A todas e todos grazas! Agardamos que as actividades, que iremos desenvolvendo sexan do agrado de toda a comunidade educativa.
Foi moito o alumnado que, de todos os cursos, se anotou para configurar o EDL deste curso 2019-2020. A todas e todos grazas! Agardamos que as actividades, que iremos desenvolvendo sexan do agrado de toda a comunidade educativa.
Benvidas e benvidos, boa singladura neste curso, e que no seu ronsel fique máis apego e uso da nosa lingua propia.
E REMATAMOS...
Case sen decatarnos chegamos ao mes de xuño e dámonos conta que aínda queda moito traballo por facer; normalizar é unha tarefa intensa que implica a toda a comunidade educativa e, aínda que traballamos moito, para o curso vindeiro quedan pendentes aínda moitas actividades. Por iso o EDL pídevos que non decaiades no voso esforzo e que veñades con moitas ganas de traballar a partir de setembro. Mentres tanto, usar a lingua no tempo estival tamén é un axente normalizador importante, así que falade moito, moito galego.
E para despedirnos aí vos quedan as fotos da nosa última tarefa: a realización do anuario da lingua con todo o publicado no taboleiro durante o curso pasado.
CURROS E ALEJANDRA
Estamos chegando á fin tanto do curso académico como tamén da materia que debemos dar. E como estes días rematamos de ver a gran figura de Curros Enríquez, é pois o momento de que vexades a interpretación que unha das vosas compañeiras de 4º fixo na aula o curso pasado. Cando estabamos explicando o poema "O maio" pediu permiso para cantalo e aquí tedes o resultado.
Graza, Alejandra Rey, por esta magnífica interpretación.
Clicade na imaxe do autor.
Clicade na imaxe do autor.
II INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO-CULTURAL
Chegou a segunda parte e alá fomos, dereitiños a Lousame para volvernos ver coas nosas compañeiras e compañeiros. Despois de ler o libro Febre, ambientado nas minas de San Finx, tiñamos xa ganas de coñecer tal paisaxe e situarnos nos mesmos lugares onde o fixeron as personaxes da novela. Malia a viaxe, que foi longa, o recibimento serviu para esquecernos dos quilómetros e da distancia, xa que cun bo chocolate e rosca á esgalla fomos co bandullo ben cheo para as minas.
Pero tamén vimos máis sitios de Lousame e incluso das vilas veciñas de Noia e Porto do Son. Queredes saber cales? Pois non tedes máis que clicar no vídeo e percorreredes connosco todos eses lugares.
Subscrever:
Mensagens (Atom)






















