22 segundos e Eva Mejuto






Na mañá do día 11 de abril, o alumnado de 3º ESO e do Club de lectura recibiu con moito entusiasmo a visita de Eva Mejuto que nos viña a falar da súa obra 22 segundos. Pasamos un bo anaco escoitando o proceso de formación do libro (fascinante oíla dicir como todo comezou despois de ver o documental, "o sexo sentido"), as razóns polas que unha xornalista decidiu pasarse ao mundo literario, a parte que máis se correspondía coa realidade da vida do/da protagonista e tamén dedicou un bo anaco a responder as nosas preguntas e a asinar os nosos libros. Finalmente, tamén falamos un anaquiño da súa nova publicación que, de seguro, leremos no vindeiro curso: Memoria do silencio.

Fantástica e amena a súa intervención, grazas Eva.





MADE IN GALIZA





A visita a Cambados para ver a obra representada polos Quinquilláns na que versionaban algúns relatos da obra de Sechu Sende, Made in Galiza, resultou entretida e, cando menos, convidaba á reflexión sobre a situación pola que a nosa lingua está a pasar nos últimos tempos. E para reflexionar mellor e, a pesar das adversas condicións meteorolóxicas, demos un bo paseo pola vila. Visitamos a torre de San Sadurniño e as fermosas vistas que a rodean dende onde puidemos tamén ver o preto que se atopaba O Grove, as casas restauradas do barrio pesqueiro e todo o centro urbano. Agora teredes que dar conta das fotos que tivestes que realizar no voso roteiro: a estatua de Cabanillas, a súa casa, a praza de Fefiñáns... 
Para o ano veremos o que nos ofrece a editorial Galaxia.






DÍA DAS ARTES GALEGAS

Este ano adicaráselle a Luís Seoane o día das artes e para que teñades un coñecemento un chisco máis amplo del, debedes ir ao taboleiro da lingua. Alí atoparedes toda a información que nos foi cedida pola Rede de Patrimonio Cultural e a asociación Roxín Roxal. Velaquí un pequeno adianto.