Galeguiza-T. Nova antoloxía da música galega contemporánea
Hai uns días vía a luz nas redes a Nova antoloxía da música galega contemporánea, impulsada polo colectivo Galeguíza-T, un grupo de de estudantes do IES Neira Vilas de Oleiros. O coordinador do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, Alberto Pombo, cóntanos aquí como naceu este proxecto que está a revolucionar as redes.
Esta antoloxía pretende funcionar “como un canon vivo”, explica Pombo, “reunindo o maior número de bandas posíbeis en activo”: Ezetaerre, Malandrómeda, Caxade, Boyanka Kostova, Skacha, Medomedá, O Sonoro Maxín, Xabier Díaz, Festicultores, Rebeliom do Inframundo...
O obxectivo da playlist é facilitar o acceso á diversidade de xéneros da nosa música, servindo de punto de partida para que cada persoa poida descubrir e explorar o que máis lle atraia:
https://open.spotify.com/playlist/4IpTHAJz0ZIomYjIOviWWL
Se o prefires tamén fixemos unha listaxe no Youtube, que incorpora algúns temas e bandas máis:
https://www.youtube.com/playlist?list=PL7hecCx3Es7R3IgkW7g3NwBoQ1-O9NkWG
Se es megalóman@ xa podes darlle unha voltiña e ouvir un feixe de bandas na nosa lingua.
O apalpador visitou as Bizocas
O pasado día 5 de decembro o apalpador Brais Moure partillou unha xornada de saber popular e fantasía no IES As Bizocas co alumnado de 1º e 2º de ESO.
Proxectouse un vídeo de 9 minutos sobre os fondos mariños da illa de Ons e tamén sobre o río Lor. Porén,
sobre todo, foi unha viaxe iniciática con bullós, landras e castañas
amosegadas. Desde as fragas, os soutos e as devesas das montañas do
Apalpador até o mar das selkies e as sereas, sen esquecérmonos dos
ríos dos batuxos e das xacias.
E como se achega as ferias de Nadal, deixamos algunha mostra do refraneiro tradicional galego para o Nadal:
- A castaña no Nadal, sabe ben e parte mal.
- Cando Nadal nada, sinal de boa anada.
- Aí vén o mes de Nadal, que non deixe o millo sen apañar.
- Deus nacido, días crecidos.
- Entre Santos e Nadal fai inverno carnal.
- Frío por Nadal, calor desde san Xoán.
- Nadal mollado e xaneiro ben xeado.
- Nin en agosto camiñar, nin en decembro navegar.
- No mes de Nadal gárdate a carón do lar.
- No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.
- No Nadal, inverno a fartar.
- Os allos en Nadal, nin nados nin por sementar.
- Por Nadal, cada ovella ao seu curral.
- Mentres Deus non é nacido nada é crecido.
- Santa Lucía saca da noite e mete no día.
Subscrever:
Mensagens (Atom)