MICRORRELATOS 2017

A teor da conmemoración do 25 N, a bilioteca convocou un concurso de acrósticos, do que xa sabedes os resultados (ide AQUÍ para recordar). Pois agora imos ler algúns máis dos que o alumnado de 3º e 4º realizou dende distintas perspectivas e tendo sempre presente o tema do que estabamos a tratar. Deberiades lelos e xulgar vós mesmos/as. Logo podedes opinar, esperamos os vosos comentarios. 

Grazas a todas e todos pola vosa participación e polo voso esforzo á hora de tratar un tema tan delicado. Clicade no libro e verédelo mellor.



25 N, CELEBRÉMOLO COMO MULLERES.

Achégase unha data importante para toda a sociedade que, se ben o pensamos, non debería nin existir; mais non podemos escapar a unha realidade triste e negra que cada semana nos recorda que debemos loitar contra a violencia de xénero todos os días do ano. Como non esquecemos que unha sociedade igualitaria, que procure a liberdade, a integridade e a dignidade das mulleres é o fin cara ao que debemos camiñar, propómosvos que vexades o seguinte vídeo. Nel atoparedes unha mensaxe esperanzadora que é o que precisamos nos tempos que corren. É un vídeoclip do grupo MBCP (máis boas cás patacas) que gañou o primeiro premio na categoría xuvenil do II Certame de música infantil e xuvenil "Quero cantar" da Deputación d'a Coruña.





XA TEMOS AS PERSOAS GAÑADORAS




Rematou o prazo para a presentación dos vosos acrósticos e temos xa gañadora e gañador. As composicións, feitas a partir da palabra SAMAÍN, depositástelas nunha urna que había na Biblio e un xurado, composto por profesores e profesoras do EDL e da Biblioteca, así como alumnado do Club de Lectura e do propio EDL, decidiron cales eran as que máis lles gustaban.

O xurado pois emitiu o seu fallo:

-De 1º e 2º, a composición gañadora é a escrita baixo o pseudónimo de SANITALE e que corresponde a Alejandro Beltrán Reza de 1º A.


Sobre a Maior das
Árbores dO bosque dos
Mortos Resucitou a
Ánima da Teresa, era a
Irmá de Xesús pero agora
Non importa ¡ela volveu a vida!


-De 3º e 4º, o texto que gañou aparece baixo o pseudónimo de SHADOU e corresponde a Laura Cousido Núñez de 4º B.

Saímos a festexar
Antigos costumes
Memorando vidas pasadas
Apresando lembranzas
Incesante corazón celta
Nos tempos perduraremos.

Parabéns aos dous.

Non esquezades participar agora no II concurso de microrrelatos en contra da violencia de xénero, organizado pola biblioteca. Clicade aquí e iredes directamente ás bases.







REFRÁNS OUTONAIS



Aínda que o tempo non nos ensine de momento a cara máis común do outono, o certo é que estamos no intre do San Martiño e dos magostos. O alumnado de 3º ESO decidiu, despois de analizar un chisco a literatura popular, comprobar canto de transmisión interxeracional sabían os seus maiores e fóronlle preguntar por refráns relacionados con esta época do ano. Botádelle un ollo e opinade!





REFRÁNS


  • Polo San Martiño, trompos ao camiño.

      (Avó de Alejandra Rey e pai de Eloy Fraga, 65 e 51 anos respectivamente).

  • En setembro, arden os montes e secan as fontes.
                   (Avoa de Alejandra Rey, 60 anos).

  • Polo San Martiño, mata o probe o seu porquiño.
                    (Tía de Alejandra Rey, 40 anos).

  • Moita flor na primavera, bo outono non se espera.            
                  (Avoa de Alejandra Rey, 60 anos).

  • Por San Simón, ponlle ao viño o baldón.

                     (Avoa de Alejandra Rey, 60 anos e avoa de Alberto, 65 anos)

  • Calor en xuño, castaña seguro.
  • Relampos en Xan Xoán, as castañas o pagarán.
                   (Avoa de Paula, 67 anos).

  • San Andrés, colle o porco polos pés, e se fai “coe, coe”, tempo é.

              (Informante de Silvia, 95 anos).

  • Por San Simón, aperta o baldón.

                   (Pai de Silvia, 59 anos).

  • De San Martiño en diante, nin para o crego, nin para o estudante

                  (Pai de Silvia, 59 anos).

  • Se queres ter bos alliños, ponos no San Martiño.

                  (Nai de Silvia, 45 anos).

  • Por San Amaro, trompos ao tellado.

                 (Nai de Silvia, 45 anos).

  • Por San Martiño, matamos o porco e bebemos o viño.

                 (Silvia, 14 anos).

  • Por San Antón, aperta o teu baldón.

               (Avoa de Martín, 66 anos).

  • As castañas do Nadal, saben ben e pártense mal.

               (Avó de Lisa, 72 anos).

  • Polo San Miguel, sabe o touciño a mel.

              (Tío de Lisa, 42 anos).

  • Auga de agosto, nin bo viño nin magosto.

              (Avoa de Patricia, 60 anos e avó de Ángel, 80 anos).

  • Temperá é a castaña que por setembro regaña.
               (Nai de Selma, 50 anos).

  • En magosto, castañas, viño e mosto.

              (Avó de Lucas, 70 anos).

  • Polo Samaín, castañas asadas sen fin.
             (Avoa de Lucas, 70 anos).

  • A todo porco lle chega o seu San Martiño.

              (Nai de Juan, 50 anos e avoa de Martín, 66 anos)

  • Polo Samaín, as meigas veñen a min a asustarme sen fin.
  • En Samaín comín castañas ao magosto que non se comen en agosto.
                (Nai de Roi, 46 anos).
  • Quen moito ameaza, o medo ten na casa.

               (Nai de Roi, 46 anos e pai de Eloy, 46 anos).

  • Flores no outono, fame no ano novo.

              (Avoa de Laura, 64 anos).

  • Outono quente, leva o demo no ventre.

              (Nai de María, 46 anos e pai de Anxo, 48 anos).

  • Polo magosto e San Martiño castañas, pan e viño.
                (Avoa de Beatriz, 64 anos).





BICOS CON LINGUA






No día de onte, todo o alumnado de 3º ESO acudimos á representacion da obra teatral "Bicos con Lingua" que nos ofertou o grupo Talía. Pasamos unha hora entretida, analizando cos actores os prexuízos que xiran arredor da nosa lingua. Aínda nos botamos unhas boas risas.
Para acabar de completar a mañá, pretendiamos visitar o Pórtico da Gloria e que Covi, a nosa profe de Música, nos explicara algo sobre os músicos que alí aparecen, mais non puido ser porque as obras de mantemento nolo impediron. Aínda así, demos unha volta á catedral e á zona vella e aprendemos cousas moi interesantes. 






I CONCURSO DE ACRÓSTICOS



O samaín é o antecedente europeo do Halloween americano. É unha tradición de orixe europea levada polos emigrantes a terras americanas e de alí transmutouse nun entroido outonal. Un ano máis, queremos tentar volver conmemorar esta data no noso centro, razón pola cal convidámosvos a colaborar na celebración do citado Samaín. Dende o EDLG, propoñemos a participación por parte do alumnado nesta actividade a favor do desenvolvemento da nosa cultura. Para iso, contamos convosco para o concurso de Acrósticos. A seguir tedes as bases.




I CONCURSO DE ACRÓSTICOS

Xa levamos un anaco andado do outono e estamos no tempo de conmemorar a chegada da caída da folla. Acompañados de castañas, cogomelos, melóns e produtos típicos desta época do ano, imos celebrar tamén o Samaín.

Sabedes que, segundo os nosos devanceiros, a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro era a máis perigosa do ano: as portas do outro mundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar a parte terreal. Para afastar dos seus castros estas perigosas ánimas defuntas, adoitaban poñer no alto dos muros as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña.

Pois xa que estamos metidos neste ambiente tan tétrico, propoñémosvos a todo o alumnado que participedes na elaboración dun acróstico terrorífico. Debedes ter en conta as seguintes bases:

-Os acrósticos deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e inéditos e terán como punto de partida a palabra SAMAÍN.

-Forma de participación: o poema será asinado cun pseudónimo e irá acompañado dun sobre pequeno onde se indicará o nome, apelidos, curso e grupo do/a participante. O sobre, por fóra, levará escrito o pseudónimo.

-Os sobres entregaranse na biblioteca do centro durante os recreos.

-O prazo para a presentación dos traballos remata o día 3 de novembro.

-Haberá dous premios, aínda por determinar, para as persoas gañadoras do certame: un para o primeiro ciclo e outro para o segundo (serán entregados o día da celebración do magosto).  O citado premio poderá declararse deserto.

COMEZAMOS O CURSO 2017/2018




Xa hai tempo que non andamos por este blog, mais comezamos unha nova andaina con azos renovados, ilusión e ganas de traballar. 
A partir de hoxe mesmo, todas as actividades do EDL As Bizocas, así como achegas dos distintos departamentos que teñan que ver coas ganas de dinamizar e darlle un bo pulo á nosa lingua serán acollidas nesta bitácora. Nela falaremos de novidades que xiren arredor da lingua, da literatura e da cultura en xeral.
Mais un blog non ten sentido sen a vosa participación e colaboración, así que convidamos a toda a comunidade educativa (pais/nais, profesorado, alumnado e persoal non docente) a participar nel a través dos vosos comentarios e suxestións.

Iniciamos pois esta singradura, boa viaxe a todas e todos.