BICOS CON LINGUA






No día de onte, todo o alumnado de 3º ESO acudimos á representacion da obra teatral "Bicos con Lingua" que nos ofertou o grupo Talía. Pasamos unha hora entretida, analizando cos actores os prexuízos que xiran arredor da nosa lingua. Aínda nos botamos unhas boas risas.
Para acabar de completar a mañá, pretendiamos visitar o Pórtico da Gloria e que Covi, a nosa profe de Música, nos explicara algo sobre os músicos que alí aparecen, mais non puido ser porque as obras de mantemento nolo impediron. Aínda así, demos unha volta á catedral e á zona vella e aprendemos cousas moi interesantes. 






I CONCURSO DE ACRÓSTICOS



O samaín é o antecedente europeo do Halloween americano. É unha tradición de orixe europea levada polos emigrantes a terras americanas e de alí transmutouse nun entroido outonal. Un ano máis, queremos tentar volver conmemorar esta data no noso centro, razón pola cal convidámosvos a colaborar na celebración do citado Samaín. Dende o EDLG, propoñemos a participación por parte do alumnado nesta actividade a favor do desenvolvemento da nosa cultura. Para iso, contamos convosco para o concurso de Acrósticos. A seguir tedes as bases.




I CONCURSO DE ACRÓSTICOS

Xa levamos un anaco andado do outono e estamos no tempo de conmemorar a chegada da caída da folla. Acompañados de castañas, cogomelos, melóns e produtos típicos desta época do ano, imos celebrar tamén o Samaín.

Sabedes que, segundo os nosos devanceiros, a noite do 31 de outubro ao 1 de novembro era a máis perigosa do ano: as portas do outro mundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar a parte terreal. Para afastar dos seus castros estas perigosas ánimas defuntas, adoitaban poñer no alto dos muros as caveiras iluminadas dos inimigos mortos en campaña.

Pois xa que estamos metidos neste ambiente tan tétrico, propoñémosvos a todo o alumnado que participedes na elaboración dun acróstico terrorífico. Debedes ter en conta as seguintes bases:

-Os acrósticos deberán estar escritos en lingua galega, orixinais e inéditos e terán como punto de partida a palabra SAMAÍN.

-Forma de participación: o poema será asinado cun pseudónimo e irá acompañado dun sobre pequeno onde se indicará o nome, apelidos, curso e grupo do/a participante. O sobre, por fóra, levará escrito o pseudónimo.

-Os sobres entregaranse na biblioteca do centro durante os recreos.

-O prazo para a presentación dos traballos remata o día 3 de novembro.

-Haberá dous premios, aínda por determinar, para as persoas gañadoras do certame: un para o primeiro ciclo e outro para o segundo (serán entregados o día da celebración do magosto).  O citado premio poderá declararse deserto.

COMEZAMOS O CURSO 2017/2018




Xa hai tempo que non andamos por este blog, mais comezamos unha nova andaina con azos renovados, ilusión e ganas de traballar. 
A partir de hoxe mesmo, todas as actividades do EDL As Bizocas, así como achegas dos distintos departamentos que teñan que ver coas ganas de dinamizar e darlle un bo pulo á nosa lingua serán acollidas nesta bitácora. Nela falaremos de novidades que xiren arredor da lingua, da literatura e da cultura en xeral.
Mais un blog non ten sentido sen a vosa participación e colaboración, así que convidamos a toda a comunidade educativa (pais/nais, profesorado, alumnado e persoal non docente) a participar nel a través dos vosos comentarios e suxestións.

Iniciamos pois esta singradura, boa viaxe a todas e todos.