24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA







Con gran acollida foi recibida a actividade que o EDL e a Biblioteca deseñaron para conmemorar o nacemento da máis ilustre escritora do século XIX. O día de Rosalía comezou o venres pasado no IES As Bizocas e rematou hoxe, luns, cunha boa participación por parte de toda a comunidade educativa.







Imitando a Carlos Negro e a súa fantástica idea
de repartir polos bares do concello de Ames
versos de Rosalía en anos anteriores, decidimos que o alumnado do club de lectura entregase tamén anacos da obra rosaliana durante o recreo do venres 23 ao profesorado, o alumnado e o persoal non docente. Todos e todas tivemos que gardar a nosa tarxeta e memorizala durante a fin de semana para, á fin, facer un sorteo entre todos os versos. 




Así pois, durante o segundo recreo saíu unha papeleta, a de Paula de 4º B, que recitou o seu poema perfectamente e tamén entregou a súa papeleta, polo que recibiu un bonito agasallo: unha cunca coa cara de Rosalía e uns versos da nosa autora. Parabéns para Paula e a para todos e todas os que recibistes a actividade con tanto entusiasmo.









181 ANOS E SEGUE VIVA ENTRE AS GALEGAS E OS GALEGOS

Van alá, pois, 181 anos dende que naceu Rosalía de Castro e, aínda hoxe, segue sendo obxecto de homenaxes e recoñecementos. Aí van un par de vídeos da gran SES que se acordou dela no Teatro Colón e un rap feito polo alumnado do IES Francisco Daviña Rey. Gozade deles, son unha ledicia.







CHÍOS DE AMOR / TWEETS OF LOVE






Acaba de pasar a Candelaria, o día no que casan os paxariños (se queredes saber sobre esta data, buscade no taboleiro da lingua, alí tedes moita información) e estamos achegándonos á data do amor, o xa sobradamente coñecido San Valentín. Para celebralo, queremos pois, dende o EDL e o Departamento de Inglés, convidar a toda a Secundaria a realizar chíos de amor ou tweets of love.
Trátase dunha actividade na que pretendemos que fagades pequenas mensaxes que non superen os 140 caracteres e nas que transmitades sentimentos de amor usando a nosa lingua. As mensaxes poden xirar ao redor do sentimento do amor, do amor pola paisaxe galega, do amor pola nosa lingua, polos nosos familiares, do amor pola humanidade, polo noso noivo ou noiva… En definitiva, tedes liberdade absoluta para as vosas creacións, sempre e cando o amor estea de fondo nas composicións e que as linguas que empreguedes sexan a inglesa ou a galega.
            Iso si, os resultados deberedes publicalos neste mesmo Blog no apartado de comentarios. Non esquezades poñer o voso nome e o curso, así todos e todas saberemos identificar ao autor/a das esperadas mensaxes. Para non pasarvos en número de caracteres, debedes ir ao menú, apartado de “Revisar” e alí xa atoparedes unha opción que vos di “Contar Palabras”. Para terdes máis marxe, ímosvos permitir que contedes os vosos caracteres sen espazos.
            Ánimo, esperamos os vosos chíos amorosos. A mensaxe máis fermosa recibirá un pequeno agasallo.

ENTROIDO 2018





Chega un ano máis o entroido, días nos que, segundo Vicente Risco, "está permitido o que non está o resto do ano, en que se poden facer cousas que noutro tempo parecerían moi mal [...], o entroido presenta certo aspecto do "mundo ao revés". 

Por esta razón, dende o EDL queremos animar a toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado, conserxes, administrativa...) a que cada día da semana vaiamos traendo aquel accesorio que o meco situado no corredor nos irá indicando.

O noso particular "RAÑOLIX" será o encargado de dicirnos que adorno carnavalesco deberemos ir traendo. O primeiro aparecerá o venres 2 de febreiro e así cada día ata chegar ao seguinte venres no que gozaremos coas comparsas feitas polo alumnado.

Ah!!! E non esquezades que os complementos son acumulativos, ata o xoves debedes traelos todos e non deixar nadiña na casa.

Para que poidades ir organizándovos, aí vos van as indicacións para toda a semana.

O luns, aínda que de tolos che pareza,
trae un adorno na cabeza.

O martes, se queres vir de bo humor,
trae un calcetín de cada cor.

O mércores, para non te manchar,
un mandil has de empregar.

O xoves, se non queres traer pixama,
entra con algo que empregues na cama.

O venres con festa rematamos
e todos moi guapos nos disfrazamos.