Con gran acollida foi recibida a actividade que o EDL e a Biblioteca deseñaron para conmemorar o nacemento da máis ilustre escritora do século XIX. O día de Rosalía comezou o venres pasado no IES As Bizocas e rematou hoxe, luns, cunha boa participación por parte de toda a comunidade educativa.
Imitando a Carlos Negro e a súa fantástica idea
de repartir polos bares do concello de Ames
versos de Rosalía en anos anteriores, decidimos que o alumnado do club de lectura entregase tamén anacos da obra rosaliana durante o recreo do venres 23 ao profesorado, o alumnado e o persoal non docente. Todos e todas tivemos que gardar a nosa tarxeta e memorizala durante a fin de semana para, á fin, facer un sorteo entre todos os versos.
Así pois, durante o segundo recreo saíu unha papeleta, a de Paula de 4º B, que recitou o seu poema perfectamente e tamén entregou a súa papeleta, polo que recibiu un bonito agasallo: unha cunca coa cara de Rosalía e uns versos da nosa autora. Parabéns para Paula e a para todos e todas os que recibistes a actividade con tanto entusiasmo.
Sem comentários:
Enviar um comentário