E, como faltaba a segunda parte desta actividade iniciada o pasado mes, volvemos reunirnos cos compañeiros e compañeiras de Lousame, mais desta vez fomos nós os que tivemos que viaxar. Por iso, ben cediño collemos rumbo a este concello para pasar unha xornada enteira con quen coñecemos antes a través de cartas e despois xa en persoa o 17 de abril.
Recibíronnos estupendamente, á quentura dun bo chocolate con rosca, así collemos forzas para irmos ata as minas de San Finx onde atendemos con moita curiosidade á charla que Maite Sobradelo nos ofreceu. Con ela puidemos relacionar todo o que ocorreu neste poboado cos coñecementos que xa tiñamos despois de ler a obra de Héctor Carré, Febre. A seguir, pasamos ao concello veciño e Concha encargouse de darnos un percorrido pola vila amosándonos o máis característico desta. Xa cansos, fomos ata Baroña e nos seus castros repuxemos forzas co xantar para rematar xogando na praia.
E como todo remata, pois o noso día tamén, e a iso das cinco chegamos outra vez ao CPI Cernadas de Castro e, malia que nos levou un bo anaco despedírmonos, tivemos que iniciar o camiño de volta cara ao Grove.
Foi unha experiencia fantástica que queda para o recordo e que, dende logo, pensamos repetir nos anos vindeiros.