ADRO VELLO





O alumnado de Cultura Clásica e Latín quixo ir visitar a necrópole de Adro Vello, unhas ruínas da época romana convertidas posteriormente nun lugar onde foron enterradas cantidade de persoas e onde máis tarde se situou unha igrexa visigótica e incluso unha fortificación na Baixa Idade Media. Ao querer construír unha urbanización descubriron estes xacementos que dan conta das nosas raíces e que nós quixemos ir ver de primeira man. Así pois, botámonos a andar e en pouco máis de media hora chegamos á praia d'O Carreiro, non sen antes pasar polo Adro Novo, a igrexa de San Vicente a onde foi levada o anterior edificio visigótico. A visita foi pracenteira, mais provocounos certa tristura ver a situación na que se atopa a necróple. Consideramos que o noso patrimonio merece uns coidados mellores. Vede as fotos e opinade.


SAMAÍN PESCUDADOR

Chega o Samaín e de novo precisamos de vós, botádelle un ollo aos documentos e animádevos a participar. En todos os tabaloreiros das vosas aulas, así como na Biblioteca, tedes información. Chega pois o momento de pescudar sobre esta data e tamén de serdes creativos.

COMEZAMOS A TRABALLAR, 1ª TAREFA




Desta volta, tócalle a 3º ESO; deberedes contribuír a dinamizar o noso taboleiro, ese que xira arredor da lingua e da cultura galega.
Durante o que resta deste mes, tedes que ir xunta del e fixarvos moito no que alí hai colocado. Observade as viñetas e as noticias que se atopan no mapa de Galicia, situado á dereita do citado taboleiro. Unha vez feito isto, entraredes en comentarios e falaredes da viñeta ou noticia que máis vos agradou, vos impresionou ou vos resultou máis curiosa. Para que todos e todas nós saibamos do que estades a falar, debedes describir con precisión o que nela observades graficamente, así como tamén os diálogos que se manteñen. No caso de tratarse dunha noticia, simplemente diredes de que trata e, a continuación, daredes a vosa opinión, o voso parecer sobre o que alí observastes, así como a razón da vosa escolla.

Ánimo e a traballar.

CURSO 2018/2019


Curso novo, vida nova. Comezamos a nosa andaina e esperamos que este curso 2018/2019 sexa do maís frutífero en todos os aspectos, mais sobre todo no lingüístico. A vida cultural galega e o fomento do uso da nosa lingua será o principal obxectivo deste equipo que, con ideas novas e outras xa máis antigas, desexamos botar a andar e ir paseniño, pero con pasos seguros e avances certeiros.

Temos xa configurado o EDL cunha morea de alumnado desexoso de traballar a prol do uso do galego; por iso esperamos que as actividades, que iremos realizando durante todo o curso, sexan do agrado de toda a comunidade educativa.

Para comezar, botádelle un ollo ao taboleiro da lingua que, como o curso anterior, está situado na entrada principal, ao lado da conserxería. Nel tedes unha serie de bandas deseñadas que nos serven para rir, mais tamén para reflexionar. 

Benvidas e benvidos a todos/as, bo curso, e non esquezades usar un chisco máis do habitual a lingua galega.