Galeguiza-T. Nova antoloxía da música galega contemporánea





78754528_10213562833578410_5408850399744491520_o


Hai uns días vía a luz nas redes a Nova antoloxía da música galega contemporánea, impulsada polo colectivo Galeguíza-T, un grupo de de estudantes do IES Neira Vilas de Oleiros. O coordinador do Equipo de Dinamización Lingüística do centro, Alberto Pombo, cóntanos aquí como naceu este proxecto que está a revolucionar as redes.


Esta antoloxía pretende funcionar “como un canon vivo”, explica Pombo, “reunindo o maior número de bandas posíbeis en activo”: Ezetaerre, Malandrómeda, Caxade, Boyanka Kostova, Skacha, Medomedá, O Sonoro Maxín, Xabier Díaz, Festicultores, Rebeliom do Inframundo...

O obxectivo da playlist é facilitar o acceso á diversidade de xéneros da nosa música, servindo de punto de partida para que cada persoa poida descubrir e explorar o que máis lle atraia:

https://open.spotify.com/playlist/4IpTHAJz0ZIomYjIOviWWL 

Se o prefires tamén fixemos unha listaxe no Youtube, que incorpora algúns temas e bandas máis:
 https://www.youtube.com/playlist?list=PL7hecCx3Es7R3IgkW7g3NwBoQ1-O9NkWG

Se es megalóman@ xa podes darlle unha voltiña e ouvir un feixe de bandas na nosa lingua.



O apalpador visitou as Bizocas





O pasado día 5 de decembro o apalpador  Brais Moure partillou unha xornada de saber popular e fantasía no IES As Bizocas co alumnado de 1º e 2º de ESO.

Proxectouse un vídeo de 9 minutos sobre os fondos mariños da illa de Ons e tamén sobre o río Lor. Porén, sobre todo, foi unha viaxe iniciática con bullós, landras e castañas amosegadas. Desde as fragas, os soutos e as devesas das montañas do Apalpador até o mar das selkies e as sereas, sen esquecérmonos dos ríos dos batuxos e das xacias.






E como se achega as ferias de Nadal, deixamos algunha mostra do refraneiro tradicional galego para o Nadal:

  • A castaña no Nadal, sabe ben e parte mal.
  • Cando Nadal nada, sinal de boa anada.
  • Aí vén o mes de Nadal, que non deixe o millo sen apañar.
  • Deus nacido, días crecidos.
  • Entre Santos e Nadal fai inverno carnal.
  • Frío por Nadal, calor desde san Xoán.
  • Nadal mollado e xaneiro ben xeado.
  • Nin en agosto camiñar, nin en decembro navegar.
  • No mes de Nadal gárdate a carón do lar.
  • No Nadal, alegrote, alegrote, que hai viño na cuba e chourizos no pote.
  • No Nadal, inverno a fartar.
  • Os allos en Nadal, nin nados nin por sementar.
  • Por Nadal, cada ovella ao seu curral.
  • Mentres Deus non é nacido nada é crecido.
  • Santa Lucía saca da noite e mete no día.

Contos de Samaín





Esta semana, nos recreos, alumnado e profesorado, lemos relatos de diversos autores da literatura galega ligados ao medo e ao misterio.


O Club de Lectura Mareira ambientou con profusión a nosa biblio e fíxoa un pouco máis agarimosa e  orixinal.



Grazas a todos os que participastes e que teñades unha ponte chea de castañas e ledicia. Non esquezades darlle á lingua!

Benvidas ao curso 2019-2020: comezamos cos Desafíos matemáticos!

Curso novo, vida nova, ou iso din, aínda que nin todo o novo é bo nin o vello tan malo. Por iso, comezamos a nosa andaina como en anteriores cursos, dándolle continuidade ao taboleiro da lingua, sito na entrada principal, ao lado da conserxaría. Será o noso espazo físico para pór novidades, novas de interese ligadas á lingua, información de certames e concursos literarios... 
 
Neste comezo de curso temos xa dúas iniciativas en marcha: os Desafíos matemáticos e o Concurso de Samaín. Animádevos e participade!
 
 
 
 
 
 
Que que é o Equipo de Dinamización da Lingua (EDL)? Un feixe de alumnado e profesorado, que ten como principal obxectivo o fomento do uso da nosa lingua e da nosa vida cultural. Para iso organizamos actividades, saídas extraescolares e todo o que se nos pase pola cabeza, que non para e moito nos traballa... Porque en galego estamos no mundo!
Foi moito o alumnado que, de todos os cursos, se anotou para configurar o EDL deste curso 2019-2020. A todas e todos grazas! Agardamos que as actividades, que iremos desenvolvendo sexan do agrado de toda a comunidade educativa.

Benvidas e benvidos, boa singladura neste curso, e que no seu ronsel fique máis apego e uso da nosa lingua propia.

E REMATAMOS...



Case sen decatarnos chegamos ao mes de xuño e dámonos conta que aínda queda moito traballo por facer; normalizar é unha tarefa intensa que implica a toda a comunidade educativa e, aínda que traballamos moito, para o curso vindeiro quedan pendentes aínda moitas actividades. Por iso o EDL pídevos que non decaiades no voso esforzo e que veñades con moitas ganas de traballar a partir de setembro. Mentres tanto, usar a lingua no tempo estival tamén é un axente normalizador importante, así que falade moito, moito galego.

E para despedirnos aí vos quedan as fotos da nosa última tarefa: a realización do anuario da lingua con todo o publicado no taboleiro durante o curso pasado.








CURROS E ALEJANDRA

Estamos chegando á fin tanto do curso académico como tamén da materia que debemos dar. E como estes días rematamos de ver a gran figura de Curros Enríquez, é pois o momento de que vexades a interpretación que unha das vosas compañeiras de 4º fixo na aula o curso pasado. Cando estabamos explicando o poema "O maio" pediu permiso para cantalo e aquí tedes o resultado.
Graza, Alejandra Rey,  por esta magnífica interpretación.

Clicade na imaxe do autor.


https://drive.google.com/file/d/1C08gSizyH-ZzdS29JAFkW4PILcmUSaBl/view?usp=sharing

II INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO-CULTURAL



Chegou a segunda parte e alá fomos, dereitiños a Lousame para volvernos ver coas nosas compañeiras e compañeiros. Despois de ler o libro Febre, ambientado nas minas de San Finx, tiñamos xa ganas de coñecer tal paisaxe e situarnos nos mesmos lugares onde o fixeron as personaxes da novela. Malia a viaxe, que foi longa, o recibimento serviu para esquecernos dos quilómetros e da distancia, xa que cun bo chocolate e rosca á esgalla fomos co bandullo ben cheo para as minas.
Pero tamén vimos máis sitios de Lousame e incluso das vilas veciñas de Noia e Porto do Son. Queredes saber cales? Pois non tedes máis que clicar no vídeo e percorreredes connosco todos eses lugares.



E CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS




O IES As Bizocas non se esquece da nosa cultura e da nosa lingua e é así que dedicou todo o día 16 de maio a recordar que o galego e a cultura deben ir sempre da man. Todos os departamentos puxeron o seu gran de area e, entre tod@s, homenaxeamos a figura de Antonio Fraguas.
O EDL e o Departamento de Lingua Galega e Lingua Castelá trouxeron a Alfonso González que nos deu unha charla sobre o xornalismo, a prensa, os falsos bulos e o uso de internet.
Xa no remate do día, Serafín Marcos agasallounos cunha magnífica interpretación sobre a vida e obra de Antonio Fraguas. Divertímonos moito e rimos a cachón, mirade a presentación.


E CHEGOU O DÍA, 13 DE MAIO



Por fin, hoxe coñecémonos. Primeiro entraron con timidez, mais logo o ambiente volveuse máis distendido e a mañá pasou voando. Mirade a presentación e veredes que intenso foi o día.


II INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO CULTURAL




Aquí están as cartas que diriximos con todo o noso entusiasmo e cariño aos compañeiros/as de Lousame.

Ante as vosas peticións e tamén ante as do alumnado de Lousame, repetimos intercambio cun centro da provincia d'A Coruña: o CPI Cernadas de Castro. 
É así que o alumnado de 4º ESO comezou esta andaina escribindo cartas ao máis estilo tradicional dirixidas a un alumno ou alumna do centro co que imos compartir novas experiencias. Este martes pasado, recibimos as súas cartas onde nos informaban de cal era o seu nome, como era a súa familia, as súas afeccións preferidas, que facían no seu tempo libre e, dende logo, que é o que coñecían d'O Grove.

Estamos xa preparadas/os para recibilos e poñerlles cara, por fin, ás nosas parellas. Esperámosvos o luns 13 con moitas ganas de ensinarvos a nosa vila.

Agora, mentres esperamos, podedes ir mirando con que entusiasmo lemos a vosa correspondencia.









LETRAS GALEGAS 2019




 E mentres rematamos o mural de Antón Fraguas, aproveitamos para recordarvos que o vindeiro 16 de maio visitaranos Serafín Marcos para, a través da súa paticular interpretación, achegarnos un chisco máis á vida e obra do homenaxeado este 2019 no día da Letras Galegas.
Mais, á parte do visto na aula, podedes botarlle un ollo a toda a información e actividades tanto do Seminario Galán como da RAG. Clicade nas imaxes:


http://www.seminariogalan.org/





https://academia.gal/letras-actual

Neste enlace, veredes todas as novas de actualidade.


https://academia.gal/



E, xa que estamos, botémoslle tamén un ollo ao telexornal que o CPI Dos Dices realizou, como xa é habitual, sobre Antonio Fraguas.



CORRELINGUA EN CANGAS





E un ano máis chegou o día da festa da lingua e nós, como centro comprometido co galego, decidimos ir desta vez á vila veciña de Cangas. Primeiro traballamos na aula e elaboramos cartaces nos que amosabamos frases reivindicativas extraídas do manifesto que este ano gañou o concurso e logo fomos percorrer Cangas usando o galego e recordando que non hai proceso de normalización que vaia adiante sen o noso pulo individual. Aínda así, o impulso colectivo que o Correlingua lle dá ao galego anímanos a seguir loitando.
Non vos perdades as fotografías do tempo que lle adicamos aos xogos populares e sobre todo do interese que lle puxo o noso profe de Historia, bravo por Pedro!!!!! Que ben se lle dá o tiro da buxaina.

Para o ano máis e mellor.



22 segundos e Eva Mejuto






Na mañá do día 11 de abril, o alumnado de 3º ESO e do Club de lectura recibiu con moito entusiasmo a visita de Eva Mejuto que nos viña a falar da súa obra 22 segundos. Pasamos un bo anaco escoitando o proceso de formación do libro (fascinante oíla dicir como todo comezou despois de ver o documental, "o sexo sentido"), as razóns polas que unha xornalista decidiu pasarse ao mundo literario, a parte que máis se correspondía coa realidade da vida do/da protagonista e tamén dedicou un bo anaco a responder as nosas preguntas e a asinar os nosos libros. Finalmente, tamén falamos un anaquiño da súa nova publicación que, de seguro, leremos no vindeiro curso: Memoria do silencio.

Fantástica e amena a súa intervención, grazas Eva.





MADE IN GALIZA





A visita a Cambados para ver a obra representada polos Quinquilláns na que versionaban algúns relatos da obra de Sechu Sende, Made in Galiza, resultou entretida e, cando menos, convidaba á reflexión sobre a situación pola que a nosa lingua está a pasar nos últimos tempos. E para reflexionar mellor e, a pesar das adversas condicións meteorolóxicas, demos un bo paseo pola vila. Visitamos a torre de San Sadurniño e as fermosas vistas que a rodean dende onde puidemos tamén ver o preto que se atopaba O Grove, as casas restauradas do barrio pesqueiro e todo o centro urbano. Agora teredes que dar conta das fotos que tivestes que realizar no voso roteiro: a estatua de Cabanillas, a súa casa, a praza de Fefiñáns... 
Para o ano veremos o que nos ofrece a editorial Galaxia.






DÍA DAS ARTES GALEGAS

Este ano adicaráselle a Luís Seoane o día das artes e para que teñades un coñecemento un chisco máis amplo del, debedes ir ao taboleiro da lingua. Alí atoparedes toda a información que nos foi cedida pola Rede de Patrimonio Cultural e a asociación Roxín Roxal. Velaquí un pequeno adianto.



VIAXE Á CORUÑA




O alumnado de Latín e Cultura Clásica organizou unha saída á Coruña para poder asistir ao Festival de Teatro Grecolatino, pero decidiron levar con eles e elas aos seus compañeir@s de cuarto. Foi así que puideron gozar de dúas fantásticas obras representadas por alumnado da súa mesma idade. Pola mañá, a obra As Bacantes de Eurípides deixounos sen folgos e pola tarde non pararon de rir coa posta en escena de Anfitrión, unha comedia Plautiana adaptada que xa previamente traballaran na aula. 
Mais, aproveitaron ben o día, porque despois de xantar aínda acudiron á Torre de Hércules, onde subiron todos os chanzos que os/as levaron ao mirador. Malia o frío, as vistas non deixaron a ninguén indiferente. 
Mirade as fotos.