MÁIS ROSALÍA

E non podemos deixar pasar e non recomendarvos este vídeo que a cantautora M J Pérez acaba de ofercernos. Nel fai unha versión moi peculiar do poema de Rosalía, "Castellanos de Castilla" ao que lle deu por título "Malaxente" e para o que empregou un tema que tano soa nos corredores dos centros entre os/as adolescentes: "Malamente", pero non da Rosalía galega, senón da de Barcelona.
Escoitádeo, damos por seguro que vos vai gustar.





E tamén podemos escoitar a xa coñecida versión do seu poema "A xustiza pola man" feita polo grupo Nao.



ROSALÍA CON NÓS





E xa temos gañadora, Ania de 1º B; foi moi disciplinada e gardou a súa tarxeta cos versos de Rosalía que o venres 22 o alumnado do Club de Lectura repartira entre toda a comunidade educativa.

Si cantan, es ti que cantas;
Si choran, es ti que choras;
i es o marmurio do río,
i es a noite, i es a aurora.

                 FOLLAS NOVAS



















ENTROIDO 2019



Xa dicía Risco que “o entroido presenta certo aspecto de “mundo” ao revés”, polo que queremos animarvos un curso máis a que cada día da semana vaiades traendo todos aqueles accesorios que o noso “RAÑOLIX” (meco situado no corredor) vos irá indicando.

A primeira consigna aparecéra o venres, 22 de febreiro, e así cada día ata chegar ao seguinte venres no que, como preámbulo ao merecido descanso, escoitaremos as vosas comparsas.

O que non debedes esquecer é que os complementos son acumulativos, ata o xoves debedes traelos todos e non deixar nadiña na casa.

Para que vos poidades organizar, aí vos van as indicacións para toda a semana.



O luns, cheo de colares virás
e así no cole presumirás.

Martes trae algo rechamante,
que tal un chaleco reflectante?

Este mércores poño un pendente
para non aburrir á xente.

O xoves en cada pé un zapato diferente
porque son moi ocorrente.

O venres con festa rematamos
e todos moi guapos nos disfrazamos.



ROSALÍA 2019




O vindeiro 24 de febreiro é o día de Rosalía que, ano tras ano, celebra o nacemento da poetisa. Moitos centros da nosa comunidade realizan distintos actos que axudan a conmemorar tal data e este ano non vai ser doutro xeito. O IES As Bizocas non quere ser menos e vaise unir á celebración cunha actividade que xa se realizou o curso pasado.

É así que este venres, 22 de febreiro, durante o recreo toda a comunidade educativa recibirá de man do alumnado do Club de Lectura unha tarxetiña cuns versos de Rosalía que deberán / deberedes gardar. O obxectivo é que, ao luns seguinte e durante o primeiro recreo, se faga un sorteo diante da Biblioteca. Cada tarxeta irá numerada e o posuidor da agraciada recibirá un agasallo sempre que a conserve ata ese día e se atreva a recitar os versos que lle tocaron.

          Como novidade, o profesorado escollerá un poema da poetisa e, durante as sesións que teñan o luns 25, lerano antes de comezar a impartir a súa materia. 

No taboleiro da lingua aparecerá o manifesto feito co gallo da celebración deste ano, que correu da man de Ana Romaní.

Estade atentos á publicación das fotos   

PELOS NA LINGUA E CASTELAO






Como xa anunciaramos, este martes tocoulle a 4º ESO saír a Compostela onde, sen descanso, realizaron toda unha serie de actividades que os levou a chegar ás cinco da tarde totalmente esgotados.
Primeiro viron a obra do grupo Talía, "Pelos na lingua"; a seguir, agardaba a Cidade da Cultura coa exposición "Castelao Maxistral". Volveron ao centro e, en apenas unha hora, comeron e reuníronse de novo na praza do Obradoiro. Dende alí, Iria, a profe de Historia deulles un pequeno percorrido pola zona vella da cidade, indicándolles as portas de entrada, a explicación da fachada da catedral, o patio do palacio de Fonseca... Xa cansos, entraron no museo das Peregrinacións onde, divididos en grupos, asistiron á charla de dúas guías que lles deron moita información. E de remate, despedimos a cidade no Paraninfo da Facultade de Historia. Un día intenso e proveitoso. 

CIDADE DA CULTURA:







PRAZA DO OBRADOIRO:



MUSEO DAS PEREGRINACIÓNS:


BICOS CON LINGUA E ROTEIRO HISTÓRICO





Comezamos a semana adicada ao amor con intensidade, pero nós decidimos centrarnos na lingua e na historia. O alumnado de 3º ESO acudiu hoxe a Santiago para ver a fantástica obra de teatro que tan ben analiza algúns dos problemas que sofre o galego como lingua minoritaria e minorizada; "Bicos con lingua". Ao rematar, Pedro, o noso profe de Xeografía e Historia, levounos pola zona vella da cidade e amosounos os sitios máis emblemáticos. As súas explicacións, didáctivas, instrutivas e divertidas transportáronnos a distintos séculos da nosa historia e da nosa arte. 
Para nós rematou hoxe, pero para os de 4º ESO comeza mañá, xa que eles tamén van á capital de Galiza. Mais iso xa volo contarán mañá.😃