E está a piques de chegar o día, achégase o 17 e nós non paramos pois Mª Victoria Moreno ben o merece. Por iso, aproveitando o material que nos ofrece o Seminario Galán, constuímos un mural para que todas e todos poidamos achegarnos máis á figura homenaxeada desta vez. Dentro das actividades programadas, contaremos coa presenza de Celso Sanmartín, mais diso xa vos iremos contando.
CORRELINGUA EN PONTEVEDRA
Correlingua I on PhotoPeach Correlingua II on PhotoPeach
E CHEGOU O DÍA 17
Á fin, puidemos coñecer aos nosos amigos e amigas do CPI Cernadas de Castro de Lousame. Hoxe, ás nove e cuarto da mañá chegaban dende alá para coñecer a nosa vila e o noso instituto. Subimos á aula de Teconoloxía onde nos fomos presentando e a seguir fixemos un percorrido pol'O Grove: a illa da Toxa, a aldea dos Grobits, porto Meloxo, a fabrica de salazón onde un funcionario do concello nos explicou todo o relacionado con esta arte, a Siradella, a propia vila, onde comemos, e rematamos na máis fermosa das praias, A Lanzada. Foi unha mañá intensa onde ademais aproveitamos para facer pequenas camiñadas, como a de porto Meloxo ou a Siradella. Ademais, o máis interesante foi coñecérmonos e sobre todo falar entre nós, aínda que había unha condición: tiña que ser en LINGUA GALEGA.
Por hoxe rematamos, mais agora esperamos con ganas a viaxe de volta, tócanos a nós ir a Lousame e iso será o vindeiro 30 de maio. Agardamos con impaciencia.
INTERCAMBIO CON LOUSAME
Dentro do proxecto do EDL tiñamos planificado un intercambio cultural e lingüístico cun cole de Lousame, o CPI Cernadas de Castro, e xa chegou o momento de vérmonos.
Con grande entusiasmo por parte do alumnado de ambos os institutos, comezaron despois das vacacións a redactar unhas cartas que xa chegaron aos seus correspondentes destinos.
Todas e todos acabaron emparellados polas súas profesoras e cada un escribiu sobre os seus gustos, afeccións, familia, forma de ser e de actuar... Esta semana, á fin recibimos correspondencia e xa xabemos algo dos nosos futuros visitantes, así como tamén unha foto de conxunto, aínda que sen nome; quen é quen? Isó saberémolo o vindeiro martes que será o día no que os recibiremos e procuraremos ensinarlles a nosa vila.
No noso taboleiro da lingua colgamos as súas fotos para telas ben presentes no que resta da semana.
E aquí tedes unha mostra do sobre onde ían as nosas cartas
E se queredes ver con que concentración lían as nosas cartas, aí vai unha mostra.
MARÍA VÍCTORIA MORENO
Para írmonos poñendo en contexto, aí vai o enlace ao proxecto da Real Academia Galega, onde atoparedes recursos para traballar a figura da homenaxeada o Día das Letras no 2018.
Clicade na imaxe e iredes directamente.
CANTIGAS DE AMIGO E NEOTROBADORISMO
Pois, rematada xa a literatura medieval en 3º ESO e a literatura de vangarda en 4º, o alumnado dos cursos máis baixos púxose a elaborar cantigas de amigo modernas. O obxectivo, demostrarlles aos de 4º que eles tamén podían facer de trobadores improvisados e chegar a compoñer igual que o facían os autores que escribiron seguindo o coñecido movemento de vangarda galego: O neotrobadorismo.
Aquí tedes os resultado. Lede e xulgade, podedes comentar.
VISITA DE LEDICIA COSTAS
Hoxe tivemos unha visita especial no centro; Ledicia Costas veunos falar de dous dos seus libros: Unha estrela no vento e O corazón de Xúpiter, lidos respectivamente polo alumnado de 2º e 3º ESO.
Os e as integrantes do club de lectura fixeron unha bonita presentación e, a seguir, a autora explicounos todo aquilo que quixemos saber sobre ela, a súa profesión, os seus gustos e, sobre todo, os libros que lemos.
Aquí tedes as fotos.
Aquí tedes as fotos.
24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA
Con gran acollida foi recibida a actividade que o EDL e a Biblioteca deseñaron para conmemorar o nacemento da máis ilustre escritora do século XIX. O día de Rosalía comezou o venres pasado no IES As Bizocas e rematou hoxe, luns, cunha boa participación por parte de toda a comunidade educativa.
Imitando a Carlos Negro e a súa fantástica idea
de repartir polos bares do concello de Ames
versos de Rosalía en anos anteriores, decidimos que o alumnado do club de lectura entregase tamén anacos da obra rosaliana durante o recreo do venres 23 ao profesorado, o alumnado e o persoal non docente. Todos e todas tivemos que gardar a nosa tarxeta e memorizala durante a fin de semana para, á fin, facer un sorteo entre todos os versos.
Así pois, durante o segundo recreo saíu unha papeleta, a de Paula de 4º B, que recitou o seu poema perfectamente e tamén entregou a súa papeleta, polo que recibiu un bonito agasallo: unha cunca coa cara de Rosalía e uns versos da nosa autora. Parabéns para Paula e a para todos e todas os que recibistes a actividade con tanto entusiasmo.
181 ANOS E SEGUE VIVA ENTRE AS GALEGAS E OS GALEGOS
Van alá, pois, 181 anos dende que naceu Rosalía de Castro e, aínda hoxe, segue sendo obxecto de homenaxes e recoñecementos. Aí van un par de vídeos da gran SES que se acordou dela no Teatro Colón e un rap feito polo alumnado do IES Francisco Daviña Rey. Gozade deles, son unha ledicia.
Subscrever:
Mensagens (Atom)


