Contos de Samaín





Esta semana, nos recreos, alumnado e profesorado, lemos relatos de diversos autores da literatura galega ligados ao medo e ao misterio.


O Club de Lectura Mareira ambientou con profusión a nosa biblio e fíxoa un pouco máis agarimosa e  orixinal.



Grazas a todos os que participastes e que teñades unha ponte chea de castañas e ledicia. Non esquezades darlle á lingua!

Benvidas ao curso 2019-2020: comezamos cos Desafíos matemáticos!

Curso novo, vida nova, ou iso din, aínda que nin todo o novo é bo nin o vello tan malo. Por iso, comezamos a nosa andaina como en anteriores cursos, dándolle continuidade ao taboleiro da lingua, sito na entrada principal, ao lado da conserxaría. Será o noso espazo físico para pór novidades, novas de interese ligadas á lingua, información de certames e concursos literarios... 
 
Neste comezo de curso temos xa dúas iniciativas en marcha: os Desafíos matemáticos e o Concurso de Samaín. Animádevos e participade!
 
 
 
 
 
 
Que que é o Equipo de Dinamización da Lingua (EDL)? Un feixe de alumnado e profesorado, que ten como principal obxectivo o fomento do uso da nosa lingua e da nosa vida cultural. Para iso organizamos actividades, saídas extraescolares e todo o que se nos pase pola cabeza, que non para e moito nos traballa... Porque en galego estamos no mundo!
Foi moito o alumnado que, de todos os cursos, se anotou para configurar o EDL deste curso 2019-2020. A todas e todos grazas! Agardamos que as actividades, que iremos desenvolvendo sexan do agrado de toda a comunidade educativa.

Benvidas e benvidos, boa singladura neste curso, e que no seu ronsel fique máis apego e uso da nosa lingua propia.

E REMATAMOS...



Case sen decatarnos chegamos ao mes de xuño e dámonos conta que aínda queda moito traballo por facer; normalizar é unha tarefa intensa que implica a toda a comunidade educativa e, aínda que traballamos moito, para o curso vindeiro quedan pendentes aínda moitas actividades. Por iso o EDL pídevos que non decaiades no voso esforzo e que veñades con moitas ganas de traballar a partir de setembro. Mentres tanto, usar a lingua no tempo estival tamén é un axente normalizador importante, así que falade moito, moito galego.

E para despedirnos aí vos quedan as fotos da nosa última tarefa: a realización do anuario da lingua con todo o publicado no taboleiro durante o curso pasado.








CURROS E ALEJANDRA

Estamos chegando á fin tanto do curso académico como tamén da materia que debemos dar. E como estes días rematamos de ver a gran figura de Curros Enríquez, é pois o momento de que vexades a interpretación que unha das vosas compañeiras de 4º fixo na aula o curso pasado. Cando estabamos explicando o poema "O maio" pediu permiso para cantalo e aquí tedes o resultado.
Graza, Alejandra Rey,  por esta magnífica interpretación.

Clicade na imaxe do autor.


https://drive.google.com/file/d/1C08gSizyH-ZzdS29JAFkW4PILcmUSaBl/view?usp=sharing

II INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO-CULTURAL



Chegou a segunda parte e alá fomos, dereitiños a Lousame para volvernos ver coas nosas compañeiras e compañeiros. Despois de ler o libro Febre, ambientado nas minas de San Finx, tiñamos xa ganas de coñecer tal paisaxe e situarnos nos mesmos lugares onde o fixeron as personaxes da novela. Malia a viaxe, que foi longa, o recibimento serviu para esquecernos dos quilómetros e da distancia, xa que cun bo chocolate e rosca á esgalla fomos co bandullo ben cheo para as minas.
Pero tamén vimos máis sitios de Lousame e incluso das vilas veciñas de Noia e Porto do Son. Queredes saber cales? Pois non tedes máis que clicar no vídeo e percorreredes connosco todos eses lugares.



E CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS




O IES As Bizocas non se esquece da nosa cultura e da nosa lingua e é así que dedicou todo o día 16 de maio a recordar que o galego e a cultura deben ir sempre da man. Todos os departamentos puxeron o seu gran de area e, entre tod@s, homenaxeamos a figura de Antonio Fraguas.
O EDL e o Departamento de Lingua Galega e Lingua Castelá trouxeron a Alfonso González que nos deu unha charla sobre o xornalismo, a prensa, os falsos bulos e o uso de internet.
Xa no remate do día, Serafín Marcos agasallounos cunha magnífica interpretación sobre a vida e obra de Antonio Fraguas. Divertímonos moito e rimos a cachón, mirade a presentación.


E CHEGOU O DÍA, 13 DE MAIO



Por fin, hoxe coñecémonos. Primeiro entraron con timidez, mais logo o ambiente volveuse máis distendido e a mañá pasou voando. Mirade a presentación e veredes que intenso foi o día.


II INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO CULTURAL




Aquí están as cartas que diriximos con todo o noso entusiasmo e cariño aos compañeiros/as de Lousame.

Ante as vosas peticións e tamén ante as do alumnado de Lousame, repetimos intercambio cun centro da provincia d'A Coruña: o CPI Cernadas de Castro. 
É así que o alumnado de 4º ESO comezou esta andaina escribindo cartas ao máis estilo tradicional dirixidas a un alumno ou alumna do centro co que imos compartir novas experiencias. Este martes pasado, recibimos as súas cartas onde nos informaban de cal era o seu nome, como era a súa familia, as súas afeccións preferidas, que facían no seu tempo libre e, dende logo, que é o que coñecían d'O Grove.

Estamos xa preparadas/os para recibilos e poñerlles cara, por fin, ás nosas parellas. Esperámosvos o luns 13 con moitas ganas de ensinarvos a nosa vila.

Agora, mentres esperamos, podedes ir mirando con que entusiasmo lemos a vosa correspondencia.









LETRAS GALEGAS 2019




 E mentres rematamos o mural de Antón Fraguas, aproveitamos para recordarvos que o vindeiro 16 de maio visitaranos Serafín Marcos para, a través da súa paticular interpretación, achegarnos un chisco máis á vida e obra do homenaxeado este 2019 no día da Letras Galegas.
Mais, á parte do visto na aula, podedes botarlle un ollo a toda a información e actividades tanto do Seminario Galán como da RAG. Clicade nas imaxes:


http://www.seminariogalan.org/





https://academia.gal/letras-actual

Neste enlace, veredes todas as novas de actualidade.


https://academia.gal/



E, xa que estamos, botémoslle tamén un ollo ao telexornal que o CPI Dos Dices realizou, como xa é habitual, sobre Antonio Fraguas.



CORRELINGUA EN CANGAS





E un ano máis chegou o día da festa da lingua e nós, como centro comprometido co galego, decidimos ir desta vez á vila veciña de Cangas. Primeiro traballamos na aula e elaboramos cartaces nos que amosabamos frases reivindicativas extraídas do manifesto que este ano gañou o concurso e logo fomos percorrer Cangas usando o galego e recordando que non hai proceso de normalización que vaia adiante sen o noso pulo individual. Aínda así, o impulso colectivo que o Correlingua lle dá ao galego anímanos a seguir loitando.
Non vos perdades as fotografías do tempo que lle adicamos aos xogos populares e sobre todo do interese que lle puxo o noso profe de Historia, bravo por Pedro!!!!! Que ben se lle dá o tiro da buxaina.

Para o ano máis e mellor.