DAVILA C'O GROVE




No noso taboleiro da lingua nunca faltan viñetas do gran Davila, pois con elas rimos, reflexionamos e incluso traballamos. Mais esta é especial, por iso decidimos subila ao blog. Malia falar do marisco, o produto máis típico da nosa gastronomía, tamén fai alusión á nosa variante dialectal. A diario escoitamos polos corredores do centro como rematades os verbos da primeira conxugación en -ín no pretérito de indicativo, ao igual que a centola da viñeta.

Grazas Davila por dedicarnos un anaquiño do teu tempo.

DESBOTAMOS PREXUÍZOS?

E xa que comezamos un novo ano, que vos parece se o facemos desbotando algúns dos prexuízos que tanto dano lle fan á nosa lingua. Mirade o vídeo e observade como a xente moza que nel actúa o leva a cabo sen ningún problema.
E vós que? Desbotades prexuízos?



POR FIN, CHEGARON



Pois xa está aquí o Nadal e nós desexando descansar, foron uns meses intensos e cheos de traballo; agora si podemos gozar dunhas merecidas vacacións. Pero, malia os desexos de pasar estas datas en compaña da familia, das nosas amizades e de ansiar o esquecemento dos exames, traballos e todo tipo de probas, debemos tamén facer un repaso e análise do realizado durante o trimestre e volver con ganas de superar os erros e emendar aquilo que non resultou nas distintas materias. 
Para relaxarnos, achegámosvos esta fermosa panxoliña que o profesorado vai interpretar o vindeiro venres no concerto do centro onde todos e todas ides participar. Con isto queremos acompañarvos e dar tamén o noso pequeno gran de area nese gran concerto que levades preparando durante o trimestre na aula de Música.



MODELO DE COMENTARIO




Despois da corrección do primeiro comentario de texto, concluímos que non foi fácil e que non todas e todos lle dedicamos o tempo e o esforzo suficiente. Para que nos sirva de modelo para a próxima vez, botádelle un ollo ao comentario que tedes a seguir de "Lume no pazo", Cabanillas. O texto está refeito da mestura de dous dos vosos compañeiros: Felipe e Clara. Cantos máis fagades, mellor vos saíran, ánimo que aínda queda moito por percorrer.


ANXO MOURE E O APALPADOR





No día de onte, tivemos unha visita moi interesante. Anxo Moure chegou ás Bizocas para contarnos uns fermosos contos cheos de simboloxía e de amor pola natureza. De 1º a 4º  todas e todos fomos pasando pola Biblioteca para pararnos a escoitar como o Apalpador do Courel chegou a Laponia e de aí saíu o famoso Noel. Abraiámonos con Anxo que, antes de acudir ao centro, ala polas sete da mañá decidiu darse un baño na praia para logo chegar e transmitirnos as súas fermosas historias, así como poñernos fermosas imaxes do Courel.

Mirade as fotos e vede cantos Apalpadores hai n'as Bizocas.


Visita de Anxo Moure on PhotoPeach

DÍA DA NON VIOLENCIA DE XÉNERO






E como non podía ser doutro xeito, o EDL e o centro en xeral non puideron deixar de colaborar para que non nos esquezamos das mulleres que sofren no mundo a causa da intolerancia e da violencia. As nosas escaleiras teñen nos seus chanzos mensaxes, parágrafos de cancións e incluso poemas que dun xeito ou doutro critican a situación na que se atopan moitas féminas. Tampouco nos esquecemos do Día Mundial dos Dereitos da Infancia e, para os máis pequechos que non o estan a pasar nada ben, tamén tivemos unhas palabras. Amosámosvos a parte que lle correspondeu á lingua galega, mais non deixedes de observar tamén o curruncho que lle adicou o castelán, o francés e tamén o inglés. 

Pero o traballo no que máis tempo investimos foi no proxecto: SOMOS IGUAIS, TECEMOS POLA IGUALDADE. O alumnado de 4º ESO non tivo reparos en tecer os nosos particulares lazos lilas para demostrar que nós si rompemos roles aplicados a homes e mulleres. No IES As Bizocas todos calcetamos, homes e mulleres, e fixémolo por unha boa causa: queriamos demostrar que somos diferentes, pero iguais. Non vos perdades o vídeo de elaboración do traballo que nos levou dende comezos de curso. O resultado, xa sabedes, podedes observalo no corredor do centro, preto da Biblioteca.
Clicade na imaxe.

https://drive.google.com/file/d/1k-N3ywEkEx0ixQgv7Gb8wYnf0zAsBcjP/view?usp=sharing

GAÑADORA do Samaín Pescudador


Pois, xa temos gañadora do concurso de relatos curtos organizado para 3º e 4º ESO, pero como tamén nos gustou moito o segundo candidato, decidimos darlles cadanseu premio, polo que tamén poderedes ler o relato de Felipe Álvarez, Que lle pasou a Bieito?

O primeiro premio foi para Silvia Cousido co seu texto, Acudídeme miñas zancas!

Non teñades preguiza, como o alumnado de 1º e 2º que non se animou a participar, e lede os relatos gañadores. 



Parabéns aos dous.


ADRO VELLO





O alumnado de Cultura Clásica e Latín quixo ir visitar a necrópole de Adro Vello, unhas ruínas da época romana convertidas posteriormente nun lugar onde foron enterradas cantidade de persoas e onde máis tarde se situou unha igrexa visigótica e incluso unha fortificación na Baixa Idade Media. Ao querer construír unha urbanización descubriron estes xacementos que dan conta das nosas raíces e que nós quixemos ir ver de primeira man. Así pois, botámonos a andar e en pouco máis de media hora chegamos á praia d'O Carreiro, non sen antes pasar polo Adro Novo, a igrexa de San Vicente a onde foi levada o anterior edificio visigótico. A visita foi pracenteira, mais provocounos certa tristura ver a situación na que se atopa a necróple. Consideramos que o noso patrimonio merece uns coidados mellores. Vede as fotos e opinade.


SAMAÍN PESCUDADOR

Chega o Samaín e de novo precisamos de vós, botádelle un ollo aos documentos e animádevos a participar. En todos os tabaloreiros das vosas aulas, así como na Biblioteca, tedes información. Chega pois o momento de pescudar sobre esta data e tamén de serdes creativos.

COMEZAMOS A TRABALLAR, 1ª TAREFA




Desta volta, tócalle a 3º ESO; deberedes contribuír a dinamizar o noso taboleiro, ese que xira arredor da lingua e da cultura galega.
Durante o que resta deste mes, tedes que ir xunta del e fixarvos moito no que alí hai colocado. Observade as viñetas e as noticias que se atopan no mapa de Galicia, situado á dereita do citado taboleiro. Unha vez feito isto, entraredes en comentarios e falaredes da viñeta ou noticia que máis vos agradou, vos impresionou ou vos resultou máis curiosa. Para que todos e todas nós saibamos do que estades a falar, debedes describir con precisión o que nela observades graficamente, así como tamén os diálogos que se manteñen. No caso de tratarse dunha noticia, simplemente diredes de que trata e, a continuación, daredes a vosa opinión, o voso parecer sobre o que alí observastes, así como a razón da vosa escolla.

Ánimo e a traballar.