DÍA DA NON VIOLENCIA DE XÉNERO






E como non podía ser doutro xeito, o EDL e o centro en xeral non puideron deixar de colaborar para que non nos esquezamos das mulleres que sofren no mundo a causa da intolerancia e da violencia. As nosas escaleiras teñen nos seus chanzos mensaxes, parágrafos de cancións e incluso poemas que dun xeito ou doutro critican a situación na que se atopan moitas féminas. Tampouco nos esquecemos do Día Mundial dos Dereitos da Infancia e, para os máis pequechos que non o estan a pasar nada ben, tamén tivemos unhas palabras. Amosámosvos a parte que lle correspondeu á lingua galega, mais non deixedes de observar tamén o curruncho que lle adicou o castelán, o francés e tamén o inglés. 

Pero o traballo no que máis tempo investimos foi no proxecto: SOMOS IGUAIS, TECEMOS POLA IGUALDADE. O alumnado de 4º ESO non tivo reparos en tecer os nosos particulares lazos lilas para demostrar que nós si rompemos roles aplicados a homes e mulleres. No IES As Bizocas todos calcetamos, homes e mulleres, e fixémolo por unha boa causa: queriamos demostrar que somos diferentes, pero iguais. Non vos perdades o vídeo de elaboración do traballo que nos levou dende comezos de curso. O resultado, xa sabedes, podedes observalo no corredor do centro, preto da Biblioteca.
Clicade na imaxe.

https://drive.google.com/file/d/1k-N3ywEkEx0ixQgv7Gb8wYnf0zAsBcjP/view?usp=sharing

GAÑADORA do Samaín Pescudador


Pois, xa temos gañadora do concurso de relatos curtos organizado para 3º e 4º ESO, pero como tamén nos gustou moito o segundo candidato, decidimos darlles cadanseu premio, polo que tamén poderedes ler o relato de Felipe Álvarez, Que lle pasou a Bieito?

O primeiro premio foi para Silvia Cousido co seu texto, Acudídeme miñas zancas!

Non teñades preguiza, como o alumnado de 1º e 2º que non se animou a participar, e lede os relatos gañadores. 



Parabéns aos dous.


ADRO VELLO





O alumnado de Cultura Clásica e Latín quixo ir visitar a necrópole de Adro Vello, unhas ruínas da época romana convertidas posteriormente nun lugar onde foron enterradas cantidade de persoas e onde máis tarde se situou unha igrexa visigótica e incluso unha fortificación na Baixa Idade Media. Ao querer construír unha urbanización descubriron estes xacementos que dan conta das nosas raíces e que nós quixemos ir ver de primeira man. Así pois, botámonos a andar e en pouco máis de media hora chegamos á praia d'O Carreiro, non sen antes pasar polo Adro Novo, a igrexa de San Vicente a onde foi levada o anterior edificio visigótico. A visita foi pracenteira, mais provocounos certa tristura ver a situación na que se atopa a necróple. Consideramos que o noso patrimonio merece uns coidados mellores. Vede as fotos e opinade.


SAMAÍN PESCUDADOR

Chega o Samaín e de novo precisamos de vós, botádelle un ollo aos documentos e animádevos a participar. En todos os tabaloreiros das vosas aulas, así como na Biblioteca, tedes información. Chega pois o momento de pescudar sobre esta data e tamén de serdes creativos.

COMEZAMOS A TRABALLAR, 1ª TAREFA




Desta volta, tócalle a 3º ESO; deberedes contribuír a dinamizar o noso taboleiro, ese que xira arredor da lingua e da cultura galega.
Durante o que resta deste mes, tedes que ir xunta del e fixarvos moito no que alí hai colocado. Observade as viñetas e as noticias que se atopan no mapa de Galicia, situado á dereita do citado taboleiro. Unha vez feito isto, entraredes en comentarios e falaredes da viñeta ou noticia que máis vos agradou, vos impresionou ou vos resultou máis curiosa. Para que todos e todas nós saibamos do que estades a falar, debedes describir con precisión o que nela observades graficamente, así como tamén os diálogos que se manteñen. No caso de tratarse dunha noticia, simplemente diredes de que trata e, a continuación, daredes a vosa opinión, o voso parecer sobre o que alí observastes, así como a razón da vosa escolla.

Ánimo e a traballar.

CURSO 2018/2019


Curso novo, vida nova. Comezamos a nosa andaina e esperamos que este curso 2018/2019 sexa do maís frutífero en todos os aspectos, mais sobre todo no lingüístico. A vida cultural galega e o fomento do uso da nosa lingua será o principal obxectivo deste equipo que, con ideas novas e outras xa máis antigas, desexamos botar a andar e ir paseniño, pero con pasos seguros e avances certeiros.

Temos xa configurado o EDL cunha morea de alumnado desexoso de traballar a prol do uso do galego; por iso esperamos que as actividades, que iremos realizando durante todo o curso, sexan do agrado de toda a comunidade educativa.

Para comezar, botádelle un ollo ao taboleiro da lingua que, como o curso anterior, está situado na entrada principal, ao lado da conserxería. Nel tedes unha serie de bandas deseñadas que nos serven para rir, mais tamén para reflexionar. 

Benvidas e benvidos a todos/as, bo curso, e non esquezades usar un chisco máis do habitual a lingua galega. 





28 DE MAIO, INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO CULTURAL



E, como faltaba a segunda parte desta actividade iniciada o pasado mes, volvemos reunirnos cos compañeiros e compañeiras de Lousame, mais desta vez fomos nós os que tivemos que viaxar. Por iso, ben cediño collemos rumbo a este concello para pasar unha xornada enteira con quen coñecemos antes a través de cartas e despois xa en persoa o 17 de abril. 
Recibíronnos estupendamente, á quentura dun bo chocolate con rosca, así collemos forzas para irmos ata as minas de San Finx onde atendemos con moita curiosidade á charla que Maite Sobradelo nos ofreceu. Con ela puidemos relacionar todo o que ocorreu neste poboado cos coñecementos que xa tiñamos despois de ler a obra de Héctor Carré, Febre. A seguir, pasamos ao concello veciño e Concha encargouse de darnos un percorrido pola vila amosándonos o máis característico desta. Xa cansos, fomos ata Baroña e nos seus castros repuxemos forzas co xantar para rematar xogando na praia. 
E como todo remata, pois o noso día tamén, e a iso das cinco chegamos outra vez ao CPI Cernadas de Castro e, malia que nos levou un bo anaco despedírmonos, tivemos que iniciar o camiño de volta cara ao Grove.
Foi unha experiencia fantástica que queda para o recordo e que, dende logo, pensamos repetir nos anos vindeiros.


Intercambio I (CPI Cernadas de Castro_Autobús) on PhotoPeach Intercambio II (Autobús_Minas de San Finx) on PhotoPeach Intercambio III (Minas_Noia) on PhotoPeach Intercambio IV (Noia_Baroña) on PhotoPeach Intercambio V (Despedida) on PhotoPeach Intercambio VI (Ata á próxima) on PhotoPeach

E SEGUIMOS COAS LETRAS GALEGAS



E como xa dixeramos, este venres celebramos o día cultural no centro e dentro das múltiples actividades organizadas, contamos tamén coa presenza de Celso Sanmartin.
Cómpre recordar que as letras galegas non deben ser obxecto de festividade dun único día, senón de todos e cada un dos 365 que ten o ano. Por esta razón, nós seguimos de festa e decidimos que ninguén mellor que Celso para axudarnos a celebrar esta efeméride.
Coas súas palabras quedas e esa arte para transmitir a paixón e o amor pola comunicación e a oralidade, Celso agasallounos con fermosas historias cheas de misterio, sabedoría e sobre todo cheas da esencia de Galicia e dos nosos maiores, fonte de inspiración do que nos conta.
Foron dúas horas que nos pasaron nun suspiro e, algunhas de nós, aínda tivemos a sorte de poder conversar un chisco máis con el.

Grazas polo teu bo facer, agardámoste na seguinte volta do camiño.


Visita de Celso Sanmartín on PhotoPeach

FELIZ 17 DE MAIO



E botando man de Davila e das súas sempre oportunas viñetas, aí van algunhas destes anos anteriores. Facendo eco daquilo que afirma que o día das letras galegas debemos celebralo todo o ano, non esquezades que o venres 18 teremos O día Cultural no IES As Bizocas e que contaremos coa presenza de Celso Sanmartín.

Esperamos que teñades un bo día.



ANAGNÓRISE E A BANDA DA LOBA





Pois como o vindeiro xoves, os de 2º ESO van ir ver a representación teatral de Anagnórise á vila veciña de Cambados, non imos deixar de recordarlles que o grupo A banda da Loba quere compartir connosco a súa última canción inspirada na novela de Mª Victoria Moreno. Como elas mesmo afirman: "homenaxeamos a esta autora que lemos de nenas e que nos inspirou coa súa novela para despregar as ás, voar e construír este universo".

Agardamos que vos guste.










E xa que estamos, deixámosvos o telexornal que, como todos os anos, realiza o CPI dos Dices e que nos axuda a ter unha visión clara, didáctica e sintética da homenaxeada no día das Letras.